Comentario 1. O Partenón

Vista panorámica do Partenón da Acrópole de Atenas

 

1. Identificación

  • Título: O Partenón
  • Autor: Ictino e Calícrates
  • Cronoloxía: 447-432 a. C.
  • Cultura/Estilo/Movemento: Arquitectura grega clásica – Estilos dórico e xónico
  • Materiais utilizados: Mármore do Pentélico e madeira
  • Localización: Acrópole de Atenas

 

2. Encadramento no contexto histórico-artístico e análise formal, estilística e iconolóxica

O Partenón constitúe a obra cume da arquitectura grega clásica e unha das creacións máis influentes da historia da arte occidental. Foi construído na Acrópole de Atenas durante o século V a.C., no momento de máximo esplendor da polis ateniense baixo o goberno de Pericles.

A civilización grega desenvolveuse no sur da península Balcánica, nas illas do mar Exeo e nas costas de Asia Menor. A pesar da fragmentación política en múltiples polis independentes, os gregos compartían unha mesma lingua, unha relixión politeísta común, costumes semellantes e unha forte conciencia cultural. A súa visión do mundo caracterizouse polo antropocentrismo, a confianza na razón e a procura da beleza a través da harmonía e da proporción. Estes principios explican a importancia concedida á medida, ao equilibrio e á perfección formal nas súas creacións artísticas.

A arte grega adoita dividirse en tres grandes etapas: arcaica, clásica e helenística. O Partenón pertence ao período clásico, considerado a idade de ouro da cultura grega. A súa construción produciuse tras as Guerras Médicas, nas que as cidades gregas derrotaron o Imperio persa. Como consecuencia destas vitorias, Atenas converteuse na principal potencia política, económica e cultural do mundo grego. Pericles impulsou entón un amplo programa de reconstrución da Acrópole, destruída polos persas no 480 a.C., co obxectivo de exaltar a grandeza da cidade e honrar á súa deusa protectora, Atenea. Poucas décadas máis tarde, a Guerra do Peloponeso entre Atenas e Esparta marcaría o inicio da decadencia política ateniense.

O edificio foi realizado por Ictino e Calícrates, baixo a dirección artística de Fidias, quen tamén deseñou a monumental estatua criselefantina de Atenea destinada ao interior do templo. A súa función era fundamentalmente relixiosa e simbólica, aínda que tamén actuaba como depósito do tesouro da cidade e da Liga de Delos, converténdose nunha manifestación visible do poder ateniense.

A nivel formal, trátase dun templo períptero, ao estar rodeado completamente por columnas, e octástilo, con oito columnas na fachada principal e dezasete nos laterais. Esta solución rompe coa proporción habitual dos templos dóricos e contribúe á súa excepcional monumentalidade. Presenta unha planta rectangular cunha cela ou naos dividida en dúas estancias: unha destinada á imaxe de Atenea e outra utilizada como tesouro.

En canto ás ordes arquitectónicas, o Partenón combina elementos dóricos e xónicos, converténdose nunha síntese perfecta das dúas tradicións. As columnas exteriores son dóricas, sen base, con fustes estriados e capiteis compostos por equino e ábaco. Sobre elas dispóñense o arquitrabe liso, o friso de tríglifos e métopas e o frontón triangular. Porén, incorpora tamén elementos xónicos, especialmente o gran friso corrido que rodea a cela, unha novidade de enorme importancia.

Desde o punto de vista construtivo, responde ao sistema arquitrabado propio da arquitectura grega. A perfección técnica é extraordinaria: os perpiaños de mármore axústanse con enorme precisión sen necesidade de argamasa, unidos mediante grampas metálicas ocultas.

A nivel decorativo, o programa escultórico constitúe un dos máis ambiciosos da Antigüidade. As métopas representan distintas loitas mitolóxicas, como a centauromaquia, a amazonomaquia, a xigantomaquia ou a guerra de Troia, entendidas como alegorías do triunfo da orde sobre a barbarie. Nos frontóns represéntanse dous episodios fundamentais da vida de Atenea: o seu nacemento da cabeza de Zeus e a disputa con Poseidón polo dominio da Ática. O famoso friso das Panateneas mostra a procesión cívico-relixiosa celebrada en honra da deusa, incorporando por primeira vez aos propios cidadáns dentro da decoración dun templo.

Desde o punto de vista estilístico, o Partenón representa a culminación dos ideais clásicos de equilibrio, harmonía e proporción. Os arquitectos aplicaron un rigoroso sistema matemático baseado en relacións proporcionais entre todos os elementos do edificio. Ademais, introduciron os coñecidos refinamentos ópticos, destinados a corrixir as deformacións visuais producidas pola percepción humana. Así, o estilóbata e o entaboamento presentan unha lixeira curvatura ascendente; as columnas experimentan unha suave éntase; as situadas nos extremos son algo máis grosas e inclínanse cara ao interior. Estas correccións fan que o edificio transmita unha sensación de perfección visual absoluta.

A utilización da policromía, hoxe desaparecida, completaba os seus valores plásticos. O branco do mármore contrastaba con intensos tons vermellos, azuis e dourados presentes nos elementos arquitectónicos e escultóricos.

Iconograficamente, o edificio constitúe unha exaltación de Atenea e da propia cidade de Atenas. A mensaxe política é evidente: o triunfo dos gregos sobre os persas e a presentación de Atenas como guía do mundo helénico. O templo converteuse así nun símbolo da democracia ateniense, da prosperidade económica da cidade e da confianza clásica na razón e na capacidade humana.

En conclusión, o Partenón representa a culminación da arquitectura grega clásica e a síntese perfecta entre arquitectura, escultura, matemática e simbolismo político. A súa extraordinaria harmonía formal, a riqueza do seu programa iconográfico e a súa capacidade para expresar os ideais da Atenas de Pericles convertérono no principal símbolo da civilización grega e nun dos monumentos máis admirados e influentes da historia da arte universal.

Scroll ao inicio