Inicio / Comentarios / Grecia e Roma

Comentario de obra · Arquitectura grega clásica

O Partenón

O Partenón na Acrópole de Atenas
O Partenón na Acrópole de Atenas.Foto: Steve Swayne, CC BY 2.0, via Wikimedia Commons.
01

Ficha técnica

Obra
Partenón
Autoría
Ictino e Calícrates, baixo a dirección artística de Fidias
Cronoloxía
447–432 a.C.
Estilo
Arquitectura grega clásica
Materiais
Mármore pentélico
Localización
Acrópole de Atenas
02

Contexto histórico-artístico

O Partenón constitúe a obra cume da arquitectura grega clásica e unha das creacións máis influentes da historia da arte occidental. Foi construído na Acrópole de Atenas durante o século V a.C., no momento de máximo esplendor da polis ateniense baixo o goberno de Pericles. A civilización grega desenvolveuse no sur da península Balcánica, nas illas do mar Exeo e nas costas de Asia Menor. A pesar da fragmentación política en múltiples polis independentes, os gregos compartían unha mesma lingua, unha relixión politeísta común, costumes semellantes e unha forte conciencia cultural. A súa visión do mundo caracterizouse polo antropocentrismo, a confianza na razón e a procura da beleza a través da harmonía e da proporción. Estes principios explican a importancia concedida á medida, ao equilibrio e á perfección formal nas súas creacións artísticas. A arte grega adoita dividirse en tres grandes etapas: arcaica (ss. VII-VI a. C.), clásica (ss. V-IV a. C.) e helenística (ss. III-I a. C.). O Partenón pertence ao período clásico, considerado a idade de ouro da cultura grega. A súa construción produciuse tras as Guerras Médicas, nas que as cidades gregas derrotaron o Imperio persa. Como consecuencia destas vitorias, Atenas converteuse na principal potencia política, económica e cultural do mundo grego. Pericles impulsou entón un amplo programa de reconstrución da Acrópole, destruída polos persas no 480 a.C., co obxectivo de exaltar a grandeza da cidade e honrar á súa deusa protectora, Atenea. Poucas décadas máis tarde, a Guerra do Peloponeso entre Atenas e Esparta marcaría o inicio da decadencia política ateniense.
03

Análise formal, estilística e iconolóxica

O edificio foi realizado por Ictino e Calícrates baixo a dirección artística de Fidias, quen tamén deseñou a monumental estatua criselefantina de Atenea destinada ao interior do templo. A súa función era fundamentalmente relixiosa e simbólica, aínda que tamén actuaba como depósito do tesouro da cidade e da Liga de Delos, converténdose nunha manifestación visible do poder ateniense. A nivel formal, trátase dun templo períptero e octástilo, con oito columnas na fachada principal e dezasete nos laterais. Esta solución rompe coa proporción habitual dos templos dóricos e contribúe á súa excepcional monumentalidade. Presenta unha planta rectangular cunha cela ou naos dividida en dúas estancias: unha destinada á imaxe de Atenea e outra utilizada para gardar o tesouro.
Planta do Partenón. Distribución interior e organización do templo.FONTE: Elaboración propia.Preme na imaxe para ampliala
Planta do Partenón (ampliada)
Planta do Partenón. Distribución interior e organización do templo. FONTE: Elaboración propia.
En canto ás ordes arquitectónicas, o Partenón combina elementos dóricos e xónicos, converténdose nunha síntese perfecta das dúas tradicións. As columnas exteriores son dóricas, sen base, con fustes estriados e capiteis compostos por equino e ábaco. Sobre elas dispóñense o arquitrabe liso, o friso de tríglifos e métopas e o frontón triangular. Porén, incorpora tamén elementos xónicos, especialmente o gran friso corrido que rodea a cela, unha novidade de enorme importancia. Desde o punto de vista construtivo, responde ao sistema arquitrabado propio da arquitectura grega. A perfección técnica é extraordinaria: os perpiaños de mármore axústanse con enorme precisión sen necesidade de argamasa, unidos mediante grampas metálicas ocultas.
O Partenón: alzado e fachada. Esquema do alzado principal do Partenón e dos seus principais elementos arquitectónicos.FONTE: Elaboración propia.Preme na imaxe para ampliala
Esquema dos elementos da orde dórica no alzado do Partenón (ampliada)
O Partenón: alzado e fachada. Esquema do alzado principal do Partenón e dos seus principais elementos arquitectónicos. FONTE: Elaboración propia.
A nivel decorativo, o programa escultórico desenvolvido baixo a dirección de Fidias constitúe un dos máis ambiciosos da Antigüidade. As métopas representan distintas loitas mitolóxicas, como a centauromaquia, a amazonomaquia, a xigantomaquia ou a guerra de Troia, entendidas como alegorías do triunfo da orde sobre a barbarie. Nos frontóns represéntanse dous episodios fundamentais da vida de Atenea: o seu nacemento da cabeza de Zeus e a disputa con Poseidón polo dominio da Ática. O famoso friso das Panateneas mostra a procesión cívico-relixiosa celebrada en honra da deusa, incorporando por primeira vez aos propios cidadáns dentro da decoración dun templo.
O programa escultórico do PartenónPreme para ver a galería (3 imaxes)
Desde o punto de vista estilístico, o Partenón representa a culminación dos ideais clásicos de equilibrio, harmonía e proporción. Os arquitectos aplicaron un rigoroso sistema matemático baseado en relacións proporcionais entre todos os elementos do edificio. Ademais, introduciron os coñecidos refinamentos ópticos, destinados a corrixir as deformacións visuais producidas pola percepción humana. Así, a estilóbata e o entaboamento presentan unha lixeira curvatura ascendente na parte central, as columnas experimentan unha suave éntase e as situadas nos extremos son algo máis grosas e inclínanse cara ao interior. Estas correccións fan que o edificio transmita unha sensación de perfección visual absoluta. A utilización da policromía, hoxe desaparecida, completaba os seus valores plásticos. O branco do mármore contrastaba con intensos tons vermellos, azuis e dourados presentes nos elementos arquitectónicos e escultóricos. Iconograficamente, o edificio constitúe unha exaltación de Atenea e da propia cidade de Atenas. A mensaxe política é evidente: o triunfo dos gregos sobre os persas e a presentación de Atenas como guía do mundo helénico. O templo converteuse así nun símbolo da democracia ateniense, da prosperidade económica da cidade e da confianza clásica na razón e na capacidade humana. En conclusión, o Partenón representa a culminación da arquitectura grega clásica e a síntese perfecta entre arquitectura, escultura, matemática e simbolismo político. A súa extraordinaria harmonía formal, a riqueza do seu programa iconográfico e a súa capacidade para expresar os ideais da Atenas de Pericles convertérono no principal símbolo da civilización grega e nun dos monumentos máis admirados e influentes da historia da arte universal.
04

Claves PAU

Aspectos sinalados pola CIUG para a análise do Partenón na PAU 2025.
A

Identifica

Clasificación

  • Obra: Partenón
  • Autoría: Fidias, Ictino e Calícrates
  • Cronoloxía: 447–432 a.C.
  • Cultura/estilo: Grecia · época clásica · século V a.C.
B

Contextualiza

Contexto histórico-artístico

  • Localización xeográficaGrecia · Atenas · Ática
  • Sociedade e culturaOrixe · lingua · costumes · formas de vida
  • Relixión e polisPoliteísmo · cidade-estado
  • ConflitosGuerras Médicas · Guerra do Peloponeso
  • PericlesEsplendor político e cultural de Atenas
  • Etapas da arte gregaArcaica · clásica · helenística
C

Analiza

Tratamento da obra

  • ✓ Descrición
  • ✓ Función
  • ✓ Ordes arquitectónicas
  • ✓ Elementos decorativos
  • ✓ Planta
  • ✓ Correccións ópticas
  • ✓ Valoración

Comentario completo en PDF

Descarga unha versión en PDF do comentario completo para consultar, imprimir ou traballar na aula. Descargar comentario en PDF