O Partenón
Arquitectura grega clásica · 447–432 a.C.
01
Ficha técnica
Autor: Ictino e Calícrates
Cronoloxía: 447–432 a.C.
Estilo: Arquitectura grega clásica
Materiais: Mármore pentélico
Localización: Acrópole de Atenas
02
Contexto histórico-artístico
O Partenón constitúe a obra cume da arquitectura grega clásica e unha das creacións máis influentes da historia da arte occidental. Foi construído na Acrópole de Atenas durante o século V a.C., no momento de máximo esplendor da polis ateniense baixo o goberno de Pericles.
A civilización grega desenvolveuse no sur da península Balcánica, nas illas do mar Exeo e nas costas de Asia Menor. A pesar da fragmentación política en múltiples polis independentes, os gregos compartían unha mesma lingua, unha relixión politeísta común, costumes semellantes e unha forte conciencia cultural. A súa visión do mundo caracterizouse polo antropocentrismo, a confianza na razón e a procura da beleza a través da harmonía e da proporción. Estes principios explican a importancia concedida á medida, ao equilibrio e á perfección formal nas súas creacións artísticas.
A arte grega adoita dividirse en tres grandes etapas: arcaica (ss. VII-VI a. C.), clásica (ss. V-IV a. C.) e helenística (ss. III-I a. C.). O Partenón pertence ao período clásico, considerado a idade de ouro da cultura grega. A súa construción produciuse tras as Guerras Médicas, nas que as cidades gregas derrotaron o Imperio persa. Como consecuencia destas vitorias, Atenas converteuse na principal potencia política, económica e cultural do mundo grego. Pericles impulsou entón un amplo programa de reconstrución da Acrópole, destruída polos persas no 480 a.C., co obxectivo de exaltar a grandeza da cidade e honrar á súa deusa protectora, Atenea. Poucas décadas máis tarde, a Guerra do Peloponeso entre Atenas e Esparta marcaría o inicio da decadencia política ateniense.
03
Análise formal, estilística e iconolóxica
O edificio foi realizado por Ictino e Calícrates baixo a dirección artística de Fidias, quen tamén deseñou a monumental estatua criselefantina de Atenea destinada ao interior do templo. A súa función era fundamentalmente relixiosa e simbólica, aínda que tamén actuaba como depósito do tesouro da cidade e da Liga de Delos, converténdose nunha manifestación visible do poder ateniense.
A nivel formal, trátase dun templo períptero, ao estar rodeado completamente por columnas, e octástilo, con oito columnas na fachada principal e dezasete nos laterais. Esta solución rompe coa proporción habitual dos templos dóricos e contribúe á súa excepcional monumentalidade. Presenta unha planta rectangular cunha cela ou naos dividida en dúas estancias: unha destinada á imaxe de Atenea e outra utilizada para gardar o tesouro.
En canto ás ordes arquitectónicas, o Partenón combina elementos dóricos e xónicos, converténdose nunha síntese perfecta das dúas tradicións. As columnas exteriores son dóricas, sen base, con fustes estriados e capiteis compostos por equino e ábaco. Sobre elas dispóñense o arquitrabe liso, o friso de tríglifos e métopas e o frontón triangular. Porén, incorpora tamén elementos xónicos, especialmente o gran friso corrido que rodea a cela, unha novidade de enorme importancia.
Desde o punto de vista construtivo, responde ao sistema arquitrabado propio da arquitectura grega. A perfección técnica é extraordinaria: os perpiaños de mármore axústanse con enorme precisión sen necesidade de argamasa, unidos mediante grampas metálicas ocultas.
O Partenón: alzado e fachada
A nivel decorativo, o programa escultórico desenvolvido baixo a dirección de Fidias constitúe un dos máis ambiciosos da Antigüidade. As métopas representan distintas loitas mitolóxicas, como a centauromaquia, a amazonomaquia, a xigantomaquia ou a guerra de Troia, entendidas como alegorías do triunfo da orde sobre a barbarie. Nos frontóns represéntanse dous episodios fundamentais da vida de Atenea: o seu nacemento da cabeza de Zeus e a disputa con Poseidón polo dominio da Ática. O famoso friso das Panateneas mostra a procesión cívico-relixiosa celebrada en honra da deusa, incorporando por primeira vez aos propios cidadáns dentro da decoración dun templo.
Desde o punto de vista estilístico, o Partenón representa a culminación dos ideais clásicos de equilibrio, harmonía e proporción. Os arquitectos aplicaron un rigoroso sistema matemático baseado en relacións proporcionais entre todos os elementos do edificio. Ademais, introduciron os coñecidos refinamentos ópticos, destinados a corrixir as deformacións visuais producidas pola percepción humana. Así, a estilóbata e o entaboamento presentan unha lixeira curvatura ascendente na parte central, as columnas experimentan unha suave éntase e as situadas nos extremos son algo máis grosas e inclínanse cara ao interior. Estas correccións fan que o edificio transmita unha sensación de perfección visual absoluta.
A utilización da policromía, hoxe desaparecida, completaba os seus valores plásticos. O branco do mármore contrastaba con intensos tons vermellos, azuis e dourados presentes nos elementos arquitectónicos e escultóricos.
Iconograficamente, o edificio constitúe unha exaltación de Atenea e da propia cidade de Atenas. A mensaxe política é evidente: o triunfo dos gregos sobre os persas e a presentación de Atenas como guía do mundo helénico. O templo converteuse así nun símbolo da democracia ateniense, da prosperidade económica da cidade e da confianza clásica na razón e na capacidade humana.
En conclusión, o Partenón representa a culminación da arquitectura grega clásica e a síntese perfecta entre arquitectura, escultura, matemática e simbolismo político. A súa extraordinaria harmonía formal, a riqueza do seu programa iconográfico e a súa capacidade para expresar os ideais da Atenas de Pericles convertérono no principal símbolo da civilización grega e nun dos monumentos máis admirados e influentes da historia da arte universal.
Claves PAU
Aspectos sinalados pola CIUG para a análise do Partenón na PAU 2025.
A - IDENTIFICA
Clasificación
Partenón
Autoría: Fidias, Ictino e Calícrates
Cronoloxía: 447–432 a.C.
Cultura/estilo: Grecia · época clásica · século V a.C.
B - CONTEXTUALIZA
Contexto histórico-artístico
Localización xeográfica
Grecia · Atenas · Ática
Sociedade e cultura
Orixe · lingua · costumes · formas de vida
Relixión e polis
Politeísmo · cidade-estado
Conflitos
Guerras Médicas · Guerra do Peloponeso
Pericles
Esplendor político e cultural de Atenas
Etapas da arte grega
Arcaica · clásica · helenística
C - ANALIZA
Tratamento da obra
✓ Descrición
✓ Función
✓ Ordes arquitectónicas
✓ Elementos decorativos
✓ Planta
✓ Correccións ópticas
✓ Valoración
Comentario completo en PDF
Descarga unha versión en PDF do comentario completo para consultar, imprimir ou traballar na aula.

